Capital dun país
Compostela é a capital de Galicia, un país europeo que ten unha recoñecida cultura e lingua de seu. Santiago de Compostela é a capital política da Comunidade Autónoma de Galicia e a sede das institucións do seu autogoberno nacional.
|
Localización |
División política e administrativa |
Poboación |
Distribución da poboación activa |
Localización
Galiza está situada no extremo noroccidental da península Ibérica e ocupa unha superficie de 29.575 km2. Limita ao sur con Portugal, ao leste coas comunidades de Asturias e Castela-Leon, ao norte co océano Atlántico e o mar Cantábrico, e ao oeste, co océano Atlántico. A súa orografía é irregular e a costa recórtase nas rías. Galiza ten, en xeral, clima atlántico húmido, aínda que existen diferenzas entre as áreas litorais e interiores.
División política e administrativa
A capital política e administrativa é Santiago de Compostela. A división administrativa actual, creada no século XIX, divide o territorio en catro provincias: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. A actividade desenvolvida pola Xunta de Galiza no ámbito da planificación territorial durante os últimos anos plasmouse no denominado Plan de desenvolvemento comarcal, no que se regulaban dun xeito inicial os instrumentos e procedementos necesarios para articular o modelo de comarcas.
Poboación
Galiza ten 2.760.179 habitantes. Por provincias, a distribución é a seguinte: A Coruña, 1.121.344; Lugo, 358.452; Ourense, 340.258 e Pontevedra 930.931. A poboación galega ocupa de forma irregular o territorio, cunha densidade de 92,3 hab/km2, e caracterízase pola elevada dispersión, con pequenos núcleos de poboación. A maior densidade corresponde á área litoral, principalmente ao extremo suroccidental e ao eixe A Coruña-Santiago-Vigo. As principais cidades son Vigo (395.351), A Coruña (236.379), Santiago de Compostela (90.188), Ourense (141.513), Lugo (112.218), Ferrol (77.950) e Pontevedra (73.871).
Distribución da poboación activa
Tradicionalmente, o sector da economía predominante era a agricultura. Na actualidade, o sector servizos é o máis importante sendo a distribución da poboación activa a seguinte: 58,4% servizos; 19,6% industria; 11,6% agricultura e gandería; 10,4% construción.