Invest Compostela


O mellor posicionamento

Compostela goza dunha privilexiada situación no eixo atlántico de Galicia e ten unha altísima accesibilidade e grao de interconexión coas vilas e cidades galegas, co resto de territorios do Estado Español e con Portugal, alén das súas comunicacións internacionais a través do aeroporto de Lavacolla. Mais Compostela tamén ocupa en Galicia unha posición de centralidade non só xeográfica senón tamén política, socioeconómica, cultural e mesmo relixiosa.
Compostela é a capital política e administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia. Santiago acolle as principais institución do autogoberno galego como a Xunta e o Parlamento de Galicia, e é unha cidade de referencia desde o punto de vista artístico e cultural. Compostela acolle anualmente máis de 2.000 eventos culturais de variada caste e temática e a cidade conta cunha mesta rede de axentes socioculturais e numerosas infraestruturas e equipamentos culturais.

A maiores Compostela é a etapa de remate da maior ruta de peregrinación relixiosa de Europa. O Camiño de Santiago atrae anualmente a milleiros de peregrinos que se achegan á cidade do Apóstolo e favorece a expansión das actividades turísticas e, da súa man, dos servizos de hostalaría e restauración e mais do comercio local.